Monday 29 de April de 2024

Entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso de embelecemento de balcóns e fachadas


As persoas gañadoras da primeira edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas
recibiron hoxe como premio unha cesta do Nadal composta de produto local valorada en arredor de 400 euros cada unha, para así contribuír á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade. Os encargados de face-la entrega foron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG- PSOE), e o seu homólogo da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG).
No día de onte, martes 22, déronse a coñece-las vivendas gañadoras desta convocatoria, a cal contou con 35 fogares inscritos, con representación de todo o termo municipal. O xurado, composto por representantes do tecido asociativo local, decidiu que as distincións recaesen nunha vivenda da rúa Atalaia (parroquia de Santa María a Antiga do Caramiñal), noutra da rúa Cardenal Patiño (na parroquia de Santiago do Deán), nunha da Ribeiriña (na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos), nunha vivenda do lugar das Romeiras (na parroquia de Santa Cruz de Lesón) e noutra de Bandaseca (parroquia de Santa María do Xobre). O dito certame incorporouse ao Nadal pobrense neste 2020 co obxectivo
de incrementa-la ledicia e vistosidade das rúas.
Cómpre lembrar que a decoración de tódolos fogares anotados deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, inclusive, tal e como se estipula nas bases.